Friday 17 de May de 2024

Os Axentes Forestais e Medioambientais doan o 40% do orzamento anual da Asociación á Federación Gallega de Bancos de Alimentos


 

A achega será repartida a partes iguais entre as catro provincias galegas

A Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (APRAFOGA) vén de doar 4.000 euros á Federación Gallega de Bancos de Alimentos (FEGABAN). Unha axuda representa case o 40% do orzamento anual desta asociación e que os seus asociados e asociadas decidiron que sexa repartida entre as persoas máis vulnerables das catro provincias galegas á crise provocada polo coronavirus COVID-19.

José Luís Espiñeira Lage, secretario de APRAFOGA, explica que “a idea xurdiu a semana pasada a raíz dunhas información sobre problemas de subministro nos bancos de alimentos, polo que dende a Directiva da asociación decidimos buscar unha forma para colaborar. Como organizar unha colecta entre os asociados e asociadas é moi complicado nos tempos que vivimos, decidimos facer unha doazón utilizando parte dos fondos da asociación”. Uns fondos procedentes, na súa maior parte, das cotas anuais dos preto de 175 persoas asociadas a APRAFOGA.

“Como non podiamos reunirnos en asemblea para aprobar esta doazón, decidimos facer unha votación a través de WhatsApp durante a pasada semana e temos que destacar que votaron máis de 130 persoas e todas elas, excepto unha, apoiaron a doazón deses 4.000 euros aos bancos de alimentos e felicitaron á Directiva pola súa proposta”, apunta Espiñeira Lage. “Somos conscientes de que é unha achega humilde pero é o que tiñamos. Botamos conta dos gastos que quedaban por cubrir de aquí a fin de ano e doamos o resto porque nos parece que estamos nuns momentos nos que calquera axuda é moi necesaria”, engade o secretario de APRAFOGA.

A Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia é unha entidade que ten como fin a representación e defensa dos intereses dos axentes forestais e medioambientais na nosa comunidade, estean ou non asociados, así como colaborar coa Xunta de Galicia aos efectos de determinar as máis axeitadas condicións para a prestacións dos servizos de ditos funcionarios dentro da función pública.